Tuesday 14 de May de 2024

Comeza o Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo en Oroso, que conta cunha media de 35 participantes por semana


Dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 16 anos, terá lugar ata o 29 de xullo

Una nova edición do Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso botou andar esta semana en Sigüeiro, cunha media de 35 rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos anotados. Un inicio que contou coa presenza do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, que se achegaron ata o campo Lino Balado para asistir á primeira sesión de adestramento dos rapaces, dirixidos por técnicos da Fundación Celta de Vigo.

A primeira xornada estivo dedicada integramente ao fútbol, onde os formadores do Real Club Celta de Vigo comezaron a ensinarlle aos rapaces as técnicas e tácticas que tantos éxitos están dando nas categorías inferiores do club olívico. “Aínda que a formación táctica é interesante, o realmente importante é que os nenos e nenas disfruten do deporte, convivan con outros rapaces e rapazas e melloren os seus hábitos de disciplina e de esforzo, adquirindo valores como o respecto polos demais, polo material e polo cumprimento das tarefas”, explica Rey Villaverde.

O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso terá unha duración de 4 semanas, ata o 29 de xullo. Durante as mañás, os rapaces vivirán concentrados coma nun equipo de fútbol, mentres que pola tarde haberá distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark… así como unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e un tour polo estadio de Balaídos.